locus amoenus I

fantásticos e tráxicos contacontos

01 jens lekman pocketful of money
02 kings of convenience i'd rather dance with you
03 the magnetic fields i don't really love you anymore
04 belle and sebastian le pastie de la bourgeoisie
05 nick drake hazey jane ii
06 bart davenport the saviors
07 lambchop crackers
08 camera obscura eighties fan
09 my morning jacket the way that he sings
10 bikeride moonracing
11 alfie look at you now
12 neko case star witness
13 mia doi todd what if we do?
14 the essex green chartiers
15 tindersticks bathtime
16 herman düne show me the roof
17 the lucksmiths fiction

saen as nécoras

o que continúa

Cando se pensou esta historia logrouse sen min. Quizais se fixo buscando un rastro, ou unha sombra adusta, ou mellor para vostedes, debeuse facer socorréndome como recurso fácil e accesible. Unha cervexa de billa ben tirada nunha barra de estrea. Unha ensenrada correctamente calafateada nesta historia. Somos tan desastrosos e frívolos para referírmonos “ó que continúa” como historia? Historieta, ou proxecto. Proxecto didáctico-musical a instancia dos ínclitos señores O e Atún. Pero como eles non me vixían agora, e conviñeron en pensalo sen min, fago un leal exercicio de filibusteirismo.

Conto dramático, como o empapa o meu hisopo, e como preferimos entendelo, nun faladoiro, e nun círculo, e maldita a miña vida que xa non é un magnífico conciliábulo de bar, con grans de café clandestino axitados para armar metralla, como arroguei nos meus soños revolucionarios! Un bar continúa sendo unha cuadrilla de dramas hilarantes e penosos, vómitos e escotes esmiuzados, cellas lacrimosas e abandonadas e ausencia de respecto á louza nobre reconvertida en sentina hixiénica. Un bar é desacougo e esperanza, e nós, xubilosamente inmodestos, presentámonos como testamenteiros de fantásticos e tráxicos autores, melodías, contacontos. Se á interioridade da vida dun círculo de bar lle restamos a atmosfera contaminada de fume e humores, e silenciamos os ventos preparados para desolar chalanas devoltas á rúa que a mañá humedece, que escoitamos? Non escoitamos nada. Por iso nos presentamos.

Se a música non albergara a exacta miríade de xiringas e entusiastas que nós arrastramos, anunciariamos os nosos inmodestos nomes bíblicos. A pretensión é ambiciosa, seria e retorcida. Presentamos un labirinto, un fito, un lugar, unha vítima e centos de homenaxeados. E un obsequio. O labirinto é cousa miña, para prolongar o meu leal resentimento, pero en cachazudo empeño, aínda non o definín. O fito agarda, coma o inveterado tinto, a súa explosión condecorada; chegará, como recompensa á nosa bonhomía, como recoñecemento ó noso filantropismo ilustrado (didáctico-musical). O lugar, embreado na lenda dos catro canos, mantén expectantes sentidos e fígados, e non é unha calidade en absoluto desdeñable. O bateleiro de Locus Amoenus axiña será capitán, vítima, de furias e paixóns escumadas, e circunstante na singradura desta historieta, proxecto, conto dramático. A homenaxe é a todos os descoñecidos afanados en humedecer a barra de estrea, caída co tirón de cervexa, empurrada en perentorias noites de fume silente. O obsequio xa é parte dunha casa vella, que acolle na calor do seu fogar os nosos homenaxeados, na praza lenda dos catro canos, gobernados pola man sinistra do seu capitán, celebérrimo personaxe na nova vida pobrense de ultramar. O obsequio somos nós.

Douscentos monxes espérannos nunha vitrina elevada. E os bichos e as cunchas da salobridade próxima, agardan tamén. E a tortuosa cadencia dos nosos movementos, fará da delicia presente un amigable e desexado deliquio.

Por que Locus Amoenus? Sedúcenos e solicítanos.